viernes, noviembre 17, 2017

I Xornada sobre Mugardos romana

O vindeiro 25 de novembro terei o gusto de participar na I Xornada sobre Mugardos romana cunha ponencia sobre os xogos romanos e o seu uso didáctico.


Vídeo explicativo

O día 25 de novembro celebraranse no Centro de Interpretación de Caldoval as primeiras xornadas sobre o legado romano no Concello de Mugardos. Especialistas no mundo romano daranse cita no museo e ofrecerán diferentes conferencias sobre varios aspectos relacionados cos xacementos atopados no municipio. As xornadas comezarán ás 10:30 da mañá, logo da inauguración, coa charla de Susana Ricart, a directora das escavacións do xacemento arqueolóxico de Caldoval. A continuación, tomará a palabra a maior experta en baños romanos do noroeste peninsular, Silvia González Soutelo, membro da GEAAT da Universidade de Vigo e investigadora do MINECO. Tras un debate moderado pola tenente de alcaldía Mª Dolores González Lorenzo sobre o patrimonio romano en Galicia; comezará a charla do técnico do xacemento de Cambre, Ramón Boga, que falará sobre a posta en valor duns baños privados romanos. Xa pola tarde será a quenda para Fernando Lillo, especialista en xogos romanos, que exporá a importancia dos espazos de ocio na Antiga Roma. Seguidamente, o arqueólogo e xestor cultural Leonardo González analizará o proceso de creación e posta en valor dun novo produto turístico e cultural como é o xacemento do Caldoval para Mugardos. As xornadas concluirán cun debate sobre as posibilidades de desenvolvemento dunha estratexia en prol do patrimonio romano galego.
A inscrición ás Xornadas é gratuíta e pode realizarse enviando o nome e datos de contacto a través do correo electrónico info@museocaldoval.gal ou chamando ao 687 072 116 en horario de apertura do Centro de Interpretación.
Descarga o programa das xornadas a través deste enlace:
https://museocaldoval.gal/descargas/caldoval-programa-xornadas.pdf

No hay comentarios: